miércoles, 29 de febrero de 2012

Novas seccións na páxina web

A partir de agora, na marxe dereita da bitácora tedes dispoñible unha sección na que aparecen reflexados os enderezos dos servizos do proxecto: forxa, rolda de correo e contas de promoción (posteriormente agregarei algún servizo máis).

Desta maneira non se perderán no limbo ó publicar novas entradas.

Tedes tamén dispoñible unha sección coas últimas novas da conta de Twitter, que lle dá algo máis de dinamismo á páxina e vos informa de novas que poden non estar publicadas na bitácora.

Ademáis, no fondo da páxina dispoñedes dunha subscrición RSS ás entradas publicadas (para min a maneira máis cómoda de seguir as publicacións da bitácora).

Agardo que sexa do voso agrado.

martes, 28 de febrero de 2012

Creación da forxa

Logo de avaliar unha gran cantidade das forxas de proxectos libres máis coñecidas (GitHub, Gitorious, SourceForge, ...), decidín aloxar o proxecto en Google Code por varias razóns:
  • Soporta xestores de versións distribuidos (coma Git ou Mercurial). Isto supuña unha razón de peso (e excluínte) para o proxecto, pois cara o futuro, precisarei telo replicado en varios servidores por diversos motivos que agora non veñen a conto.
  • O aloxamento é gratuito e sen restriccións funcionais. A única restricción é que o proxecto esté baixo unha licencia libre (dá varias opcións a escoller). Son un estudiante con ínfimos ingresos, polo que isto é importante tamén para min.
  • A interface é moi limpa, clara e sinxela e está libre de publicidade. Cando estás a traballar nun proxecto grande e serio, é importante que a interacción cos servizos que emprega sexa o máis agradable posible.
  • Ten multitude de servizos complementarios integrados dentro da forxa: descargas, wiki, incidencias, xestión de usuarios e perfís, etiquetas, informes, ligazóns a páxinas externas do proxecto, etc. Todos estes servizos son de grande utilidade á hora de xestionar un proxecto.
  • Intrégrase co resto de servizos de Google: Google Analytics para a análise do tráfico, Google Groups para a rolda de correo, etc. Son servizos facilmente integrables na forxa e indispensables á hora de xestionar debidamente un proxecto.
Moitas destas características estaban soportadas polo resto de forxas, pero ningunha era, ó meu parecer, tan completa. De aí a miña decisión. Poida que a moitos lles pareza cuestionable; pero ó empregar un sistema de xestión distribuido, sempre se pode chegar a mudar sen maior problema se for o caso.

Xa para ir rematando, déixovos por aquí o enderezo da forxa, por se a algún lle interesa botarlle unha ollada ó código ou ó servizo en si.

Rolda de correo

Co fin de interactuar coa comunidade que poida xurdir arredor do proxecto e prevendo que poida ser numerosa, decidín crear unha rolda de correo.

Aproveitando que son varios os servizos de Google que emprego para o proxecto e a ampla integración entre os mesmos, decidín empregar o servizo de Google Groups para a mesma.

A rolda é pública e de libre acceso, polo que calquera pode consultar ou unirse á mesma. E este é o seu enderezo. Tamén existe unha redirección para usos posteriores ó rexistro no grupo, para que sexa máis sinxela de lembrar.

Agardo que pouco a pouco vos vaiades apuntando e entre todos formemos unha comunidade ampla e forte.

Contas de promoción

Logo de avaliar infinidade de redes sociais e derivados, decidín crear contas de promoción en identi.ca (@proxectopuding) e Twitter (@proxectopuding).

Penso que este tipo de redes sociais de mensaxería curta en tempo real son as máis indicadas para facer publicidade rápida e efectiva, por ser redes moi virais nas que as mensaxes son moi concretas.

Escollín identi.ca por ser unha rede social libre que dá acubillo a moitísimas contas de proxectos libres, o que pode chegar a xerar unha sinerxia interesante. Conta tamén con integración con Twitter, o que facilita enormemente o mantemento de ambas contas.

Así mesmo, escollín Twitter por ser a primeira e máis famosa rede deste tipo. Aínda sendo unha rede privativa, non sempre se pode nadar contracorrente. A día de hoxe, está claro que non se pode pasar por alto o potencial da mesma: altísimo número de usuarios, crecemento exponencial da publicidade, obtención dunha comunidade ampla e heteroxénea, etc.

Polo de agora, estas serán as únicas canles de promoción en canto a redes sociais se refire. Sen embargo, se recibo un alto número de peticións ó respecto dalgunha rede social alternativa, avaliarei gustosamente a posibilidade de abrir unha conta de promoción na mesma; iso si, sempre e cando sexa sinxela de levar e non se me apilen demasiadas contas de promoción, pois hai que ter en conta que son unha soa persoa e teño un tempo limitado.

Xa para rematar, anímovos a seguir de preto ditas contas e estar ó día das novas sobre o proxecto.

Novo dominio en funcionamento

Veño de botar a andar o novo dominio para o proxecto: proxecto-puding.org.

En breves estará dispoñible e funcionando para todos vós (todo depende da velocidade coa que se actualicen os DNS).

Agardo que non vos ocasione moitos contratempos. Mil desculpas polas molestias.

PD: por se a algún lle interesa, o dominio téñoo rexistrado en Gandi. Non son os máis baratos, pero o trato é cordial, a interface de administración é moi boa e sinxela e co dominio regalan ou ofrecen máis baratas unha serie de funcionalidades moi interesantes.

Presentación do proxecto

Imaxe cortesía de Lis Latas
O Proxecto Puding (si, o nome non é normativo) trata de crear unha gaita MIDI integramente libre (tanto hardware coma software) e galega (totalmente realizada en Galicia).

De momento é o meu Proxecto Fin de Carreira (PFC) persoal, pero unha vez rematado o mesmo, agardo crear unha boa comunidade de desenvolvedores ó seu arredor. 

Ó longo da vida do proxecto e principalmente durante o presente ano académico, irei publicando toda a información referente ó mesmo tanto aquí, como en diversas redes sociais, preferentemente libres (coma identi.ca), aínda que tamén noutras privativas (coma Twitter), por motivos de visibilidade e publicidade.

Estará dispoñible tamén unha rolda de correo, principalmente para interactuar coa comunidade que se poida xerar arredor do proxecto, así coma para publicar tamén a información antes mencionada.

Obviamente, tamén haberá un repositorio de libre acceso. Dito repositorio será de só lectura para a comunidade durante a realización do PFC (pois así se me esixe), pero será de libre acceso total unha vez aprobado o mesmo.

Xa sen máis, animarvos a estar ó día das novas do proxecto e a colaborar no mesmo na medida do posible. Toda axuda será ben recibida.

Para calquera dúbida, podedes contactar comigo no seguinte enderezo electrónico.